Proceso da salga

Constitúe o eixe central do contido deste espazo museístico.

Mediante a restauración de dúas salgadeiras (fábricas de sardiña salgada) das catro que funcionaron en Punta Moreiras en torno a 1800, recréase o método de conservación da sardiña en salmoira polo sistema catalán, que foi o precursor da actual actividade pesqueira e conserveira das rías galegas.

Expóñense aquí as ferramentas para a fabricación de toneis ou “cascos”, así como todos os elementos necesarios para o curado, estibado e prensado da sardiña, como barras de prensa, lagares, envases etc.

Aspecto importante é tamén a historia que acompaña a chegada dos “fomentadores” cataláns, introdutores deste modelo de salga en Galicia desde 1750. Fotografías, carteis e vídeos axudan a comprender o desenvolvemento dos sectores pesqueiro e conserveiro durante os douscentos anos que, con altos e baixos, se mantivo puxante este tipo de industria.