Carpintería de ribeira

Os pequenos estaleiros que ata hai poucos anos proliferaban ao pé das praias de todos os nosos portos están en franca decadencia. A construción de embarcacións de madeira deu paso ás de poliéster e aceiro. É por isto que a actividade do carpinteiro de ribeira pasou en poucos anos a ser un elemento máis do patrimonio histórico das vilas mariñeiras.

Esta sección pode apreciarse nunha “chabola” ou “tinglado” construído dentro do edificio de exposicións, onde se mostra unha completa colección de ferramentas para a construción naval en madeira.

A presentación dos “medios cascos”, modelos para as cadernas, diversas partes e fases da construción dos barcos, o seu calafateado, embreado e mantemento, así como varias embarcacións de baixura usadas nas rías tempo atrás poden instruírnos na arte que encerra este nobre oficio.