
Cordeis e cabos
Móstrasenos aquí a fabricación de cabos e redes, cando estes eran confeccionados con materiais de orixe vexetal e tinguidos con taninos.
Os materiais usados polos cordeleiros ata hai poucos anos eran fibras de diversas plantas, o cánabo, o sisal, o abacá etc. para trenzar os cabos; o algodón e o liño para a malla das redes.
O elemento utilizado para estes traballos foi nun principio a roda de encordar, que funciona co mesmo fundamento que unha roca. Coa chegada dos motores eléctricos modernizouse a técnica do oficio de cordeleiro.
En todos os portos das rías existiron artesáns cordeleiros que fabricaron cabos e fío, para uso propio ou para a súa venda. No Grove, unha famosa cordelería (Cananga) distribuía produtos de fío en toda a ría de Arousa. A maquinaria desta cordelería, que funcionou desde o século XIX, exponse no piso superior do museo.