Actividades e utilización de espazos

Nas dúas salgadeiras rehabilitadas con que conta este espazo museístico, ademais das habituais visitas desenvólvense con frecuencia actos e actividades de diversa índole, como conferencias, filmación de programas televisivos, concentracións de embarcacións tradicionais, representacións de faenas de pesca, e incluso vodas civís e outros eventos sociais.

Durante a última semana de agosto celébrase a Festa da Salga, que ten carácter tanto cultural como gastronómico. Nesta festa reprodúcese ante o público o proceso da salga utilizado anos atrás neste antigo tipo de fábricas. Despois de manter a sardiña somerxida en salmoira durante varios días, é prensada durante toda unha noite. Logo é cociñada ao estilo tradicional para poder ser degustada por todos os asistentes.

Imaxen Dornas

A Festa da Salga inclúe entre as súas actividades charlas divulgativas, visitas guiadas polas instalacións do museo e, sobre todo, a representación na próxima Praia da Mexiloeira dun lance de pesca con boliche, rede que é tirada cara á praia por un nutrido grupo de persoas despois de rodear, con axuda de embarcacións, todo o cardume de peixes que se atopa preto da beira. Resulta moi instrutiva a comunicación entre as distintas xeracións de participantes durante estas xornadas.

A colaboración da asociación local de Amigos da Dorna Meca, así como da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial resulta fundamental para o éxito destas xornadas.

O museo dispón dunha pequena sala de vídeo que completa, mediante breves filmacións, a comprensión dos seus contidos e os procedementos da pesca e da súa conservación.

O perfil dos visitantes presenta unha variada gama: grupos de escolares de todas as idades, de universitarios, de pensionistas; visitantes estranxeiros e, durante o verán, unha grande afluencia de familias de turistas que se interesan por todo o relativo ao mar de Galicia.