A contorna

Atópase en Punta Moreiras, lugar de Reboredo, San Vicente do Grove, a uns 4 km do centro urbano desta vila.

Integra un espazo conectado co Porto de Meloxo mediante unha ruta de sendeirismo que desde as praias da costa norte da península do Grove segue a contorna da citada punta. A través dunha ponte construída sobre o regato da Cova da Loba pode continuarse o percorrido que bordea o porto natural de Meloxo, formado por unha pequena baía e un esteiro.

Entre O Porto de Meloxo e Moreiras chegaron a funcionar quince fábricas de salga a comezos do século XIX, pero xa en tempos máis antigos houbo ter importancia como base pesqueira e salgadeira, como demostra a existencia dunha vila romana do século II ao pé da praia da Lavaxeira.

Na bocana da abra do Porto de Meloxo podemos contemplar o navegar das dornas e as faenas do cultivo de mexillón.

O Esteiro de Moreiras, produtivo areal que descobre coas baixamares, é frecuentemente visitado polas mariscadoras e mariscadores para a recolección de ameixas. Cara ao oeste, desde unha elevación rochosa, divísase a Illa de Sálvora gardando a entrada da ría de Arousa.

Ademais dos dous edificios (antigas salgadeiras restauradas) que conteñen as pezas de menor tamaño, poden contemplarse expostos en toda a área exterior diversos elementos de gran tamaño, coma o esqueleto dun galeón das rías, a caldeira dun barco de vapor, un autoclave de conserveira, unha colección de grandes áncoras, esculturas etc.